Onde adquirir os libros de Somos Ninguén?

 

VELAQUÍ OS PUNTOS DE VENDA DOS NOSOS LIBROS:

 

 

A CORUÑA

– Linda Rama. r/Porta de Aires, 4.

COMPOSTELA

– Libraría Couceiro. Praza de Cervantes.

– Miranda. r/de Trás Salomé, 1.

– Libraría Pedreira. r/do Home Santo, 55.

– Numax, r/ Concepción Arenal, 9.

LUGO

– CS Carneiro Alado.

VIGO

– Libraría Andel. Avd das Camelias, 102.

– Libraría Cartabón. r/ Urzáiz, 125.

Anuncios

Somos Ninguén en papel

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

EditorialSomos Ninguén dá un pasiño máis na nosa humilde tarefa de achegar ideas para o común. Nas vindeiras semanas publicaremos, en colaboración con Corsárias Editora, os primeiros cadernos en papel da que, agardamos, se convirta nunha colección de materiais para pensar e actuar politicamente. Pronto daremos máis información sobre como e onde conseguir os exemplares e sobre os novos títulos proxectados.

Somos Ninguén para non ceder aos vendavais ideolóxicos desatados polo bloque dominante.

27S

Editorial1. Vitoria estratéxica de Mas: tras aplicar con suma dedicación os dogmas da austeridade e políticas neoliberais extremistas, segue politicamente vivo e con opcións a seguir liderando a nova fase do Procés.

  1. O éxito do independentismo neoliberal é apenas compensando por un independentismo anticapitalista non sempre capaz de exercer con autonomía respecto do proxecto elitista -a hexemonía cultural do proceso, non a composición social de quen o apoia- comandado por Mas.
  1. ERC: o neoliberalismo fagocita o social liberalismo.
  1. Suba da CUP: recollida dos votos indepes que non acreditan no Frontismo Nacional, malia por veces non exceder o papel de á esquerda do movemento masista. Por veces.
  1. Con todo, a CUP é o sexto partido en número de escanos no Parlament e atinxe menos do 9% dos votos. As enormes bolsas de malestar sublaterno e conflito de clases derivadas da crise da versión neoliberal do capitalismo atópanse aínda lonxe de seren encarnadas pola CUP.
  1. Quen resta a quen? Resta a confluencia a Podemos ou, no caso catalán, e dado o desembarco complutensino na campaña, o uniformismo madrileño de Podemos restou a Iniciativa-Eu?
  1. Iniciativa per Catalunya, no mellor dos casos unha organización institucionalista de discurso socialdemócrata, tradicional muleta do PSC e pasadas actuacións políticas máis que discutíbeis -e non sometidas á súa propia crítica-, é percibida como integrante do campo da esquerda rupturista?
  1. O PSC resiste e Catalunya Si Que Es Pot apenas entra nas súas bases sociais. Podemos hai tempo que deixou de operar como forza de ruptura pero tampouco consegue relevar o social liberalismo na operación turnista. A oferta de cambio de Podemos revélase ineficaz en escenarios de ruptura pero tampouco atinxe o espazo sistémico.
  1. As ofertas de significados fortes en situacións de política contenciosa melloran o seu atractivo. A progresiva ambigüidade de Podemos en case todos os temas estruturais que, arestora, afectan ás nacións do Estado español é directamente proporcional aos seus encontróns coa realidade electoral.
  1. Fracasa a hipótese Errejón e a presunta redifinición do campo político a forza de significantes flotantes?
  1. O PP ten un problema. A nova dereita española culturalmente posmoderna e socioeconómicamente ultraliberal xa está aquí.
  1. O problema non é unicamente do PP. Ciutadans tira bos resultados nos barrios populares de Barcelona.
  1. A neutralidade de BCN en Comú será cómoda pero, no medio prazo e mesmo nunha cidade tan grande e significativa como Barcelona, un proxecto como o de Ada Colau está abocado ao fracaso se non obtén resonancia en instancias maiores. Se non tece rede.
  1. Neste intre, a única posibilidade de que a independencia política de Catalunya se efectúe materialmente, no actual contexto, é a desobediciencia de masas. Mais hai moitos partidarios da Orde acantonados en Junts pel Si que se cadra preferiren a transacción nacional á independencia.
  1. Dando por feito que Junts pel si non vai pasar por debaixo do futbolín que lle esixa a CUP, cal das dúas almas da CUP vencerá na hora de investir presidente? A da autonomía de clase ou a nacionalista?
  1. Se a CUP inviste presidente, o procesismo (entendido este como a continua patada cara adiante ao balón e, así, como a substracción da axenda da esquerda do debate público á espera dunha sempre adiada resolución final do conflito nacional) continuará ata as eleccións xerais. A partir de aí, e en función do resultado das mesmas, verase se o procesismo continúa ou se chega o momento da doutrina Amat.
  1. En suma: situación bloqueada e a aposta táctico-estratéxica de Mas como vencedora. O aínda presidente de Catalunya ten a escusa perfecta para renunciar á folla de ruta (sic) e presentarse á investidura como garante de que o proceso continúe.
  1. Aviso contra a tentación da analoxía: calquera parecido entre Cataluña e Galiza é pura coincidencia, a comezar polo papel político das distintas clases sociais. Dito doutro xeito: Cataluña non é España, pero Galiza non é Cataluña.

* * *

  1. As charramangueiras comparacións entre os escenarios galego e catalán apenas fan máis ca confirmar as, no mellor do casos, clamorosas insuficiencias analíticas da esquerda e o nacionalismo galego. No peor trátase de simple curtopracismo tacticista.
  1. Ábrese a posibilidade de que Anova pretenda xogar a simulacro da CUP e iso unicamente se pode facer efectivo no marco da estratexia de Iniciativa pola Unión, que vén de construír a unidade a forza de designar unha coordinadora de amigos -por certo, moi maiormente e de xeito lexítimo, militantes de partidos políticos-.
  1. A manobra de Iniciativa pola Unión é idéntica á que no seu día fixo o BNG coa plataforma Nunca Máis. A maiores, a órbita da citada proto organización, noutra semellanza con esa rama do nacionalismo de esquerda, comeza a promulgar a fatua constante contra calquera indicio de herexía.
  1. Quen non queira cegarse puido comprobar como o acto domincal de Iniciativa pola Unión foi un mal remake dos eventos electorais do BNG. Pero tamén é certo que as moitas soberbias, e as numerosas renuncias estratéxicas, de Pablo Iglesias alimentan poderosamente un inofensivo para o bloque dominante en Galiza reagrupamento nacionalista.
  1. Anova, en tanto que partido no que a decisión unipersoal posúe un peso determinante ten pouco que ver coas CUP.
  1. Desde o punto de vista dunha esquerda nacional e radical, a lóxica de comparación da situación catalá sería: a suma de votos de CUP e CSQP situaría a forza resultante preto da segunda posición, ou na segunda, porque as sumas poden multiplicar.
  1. Aprender de Cataluña, pero non esquecer Grecia. Ante a superestrutura devora soberanías que é Unión Económica e Monetaria da UE non cabe buscar fórmulas imaxinativas para seguir formando parte, senón procurar a mellor estratexia para a superar. Sen iso, non hai ruptura co neoliberalismo posible.

Sete teses e un chamamento

Editorial1. Certos sectores, estes días moi activos, son os mesmos que denunciaron, durante anos, a ecuación preferida da UPG, Gz=BNG, por reducionista, resistencialista e inútil. Asistimos emporiso, nos últimos tempos, a un rebrote neses sectores do cordón umbilical coa fronte nacionalista. Un recoñecemento, polo tanto, de que ao final a UPG tiña máis razón ca eles propios.

 

2. É imposible non percibir neste repregamento certo aroma pequeno burgués, certa aversión a que o discurso político galego pivote no eixo esquerda-dereita máis que no identitario, a que comprendamos a nación en termos materialistas e de conflitos de clase e non como unha imaxe ideal prefigurada, harmoniosa e libre de antagonismos sociais. Semella como se neses sectores se tocase a rebato e se asumise aquel refrán conservador por antonomasia que di que é mellor o malo coñecido (a gran casa do nacionalismo dominada pola UPG e os marcos discursivos e políticos que esta impón) que o bo por coñecer (as novas expresións da esquerda). Se cadra porque saben, e niso non se enganan, que o presunto comunismo da UPG sempre estará capado cunha boa capa de cobertura identitaria.

 

3. Opoñerlle ao programa de ruptura democrática e de novos procesos constituíntes a consigna conservadora dun Grupo Parlamentario Galego nas Cortes Xerais como solución a todos os males e único proxecto estratéxico viable é profundamente reaccionario, a manifestación dun idealismo absurdo que concibe que todos os conflitos sociais do noso tempo se someten a certa idea de nación e de soberanía sen suxeito. Non só implica teimar en comprender o marco xurídico e político vixente como eterno e inmutable senón que oculta o verdadeiro programa do BNG, ao que certos sectores se someten encantados: o regreso ao mapa político previo á irrupción de AGE nas autonómicas de 2012. A estabilidade do réxime está en xogo, e con ela a razón de ser do BNG.

 

4. Canda este fenómeno asistimos á emerxencia doutro non menos curioso. O dos oportunistas que aproveitan o éxito das mareas para arrogarse individualmente, e á marxe de ningún proceso municipalista concreto, a representación da Marea Galega. Unha sorte de aristócratas do cidadanismo convencidos de que eles, personaxes de longo currículo político, son quen mellor representan o novo espírito do cidadán neutro e virxinal.

 

5. O protagonismo destes dous tipos de guías das masas aliméntase da pasividade e falta de previsión das Mareas. Non era moi difícil intuír que o que agora está a suceder sucedería. Como tampouco era moi difícil saber que o que agora está a suceder nunca chegaría a suceder se o día despois das municipais as Mareas, especialmente as máis exitosas, comezasen desde ese mesmo momento a preparar as Xerais. Por moi abrumadas que estivesen as persoas que se vían na tesitura de se faceren coas rendas de gobernos municipais ou de prepararen a oposición nas institucións, era imprescindible crear grupos de persoas encargadas de preparar inmediatamente os seguintes pasos a dar. E é que, para as Mareas, reducirse ao ámbito municipal, ao cantonalismo, só pode significar, no medio prazo, a súa propia ruína, toda vez que cando os poderes fácticos comecen de verdade a atacalos necesitarán algún tipo de arroupamento de escalas maiores que a municipal. Así, ao deixaren a outros golpear primeiro alimentouse a confusión e a proliferación de iniciativas, a cada cal máis bizarra, separadas de calquera tipo de proceso municipalista existente.

 

6. A responsabilidade dos novos alcaldes das Mareas triunfantes para levar a bo porto o proceso de creación da Marea Galega é indubidable. Que fagan política neste tempo novo, que se volvan mollar pola creación da Marea Galega, é un requisito sine qua non. O proceso non era só municipalista; nel está en xogo a construción dun suxeito político de ruptura que siga indo máis alá do lugar en que nos encontramos.

 

7. A última enquisa do CIS corrobora o intuído sobre Podemos. E volve evidenciar que a estratexia de Vistalegre é un corsé que cada día resulta máis inapropiado para os tempos que corren, así coma o absurdo de agarrarse a unha estratexia pensada hai un ano nun momento político no que cada mes mudan as circunstancias. Podemos Gz, se de verdade ten capacidade de exercer como tal, debería aproveitar esta evidencia para pular por fórmulas integradoras que poidan dar un novo impulso ao proxecto rupturista que arrincou co 15M e que tantas esperanzas creou en tantas persoas do Estado español.

 

8. E pur si muove. Desde Somos Ninguén facemos un chamamento a todas as Mareas e Candidaturas Populares e de Converxencia do país a acudir á cita do 13 de agosto convocada por Lugo Novo, Betanzos Novo e Marea de Noia  en Santiago de Compostela. As Mareas son o motor lexítimo para iniciar e pilotar este proceso. Un proceso chamado a continuar na tarefa de consolidar no noso país un espazo político de ruptura, diferente do que representa o BNG, que xa é en si unha realidade de seu.

“Construír pueblo”, crítica ao diálogo Errejón-Mouffe. Pau Llonch i Méndez

Cátedra_Sans_CulotteResumo: a) Os límites da autonomía absoluta da política: a realidade social non é simplemente un espazo discursivo. B) no capitalismo hai fenómenos inevitables. C) e construír pobo non é o mesmo no estado español do artigo 2 da constitución española (centro) que en Latinoamérica (periferia).

Nota previa: pódese ler este texto sen ter lido o libro. Palabra. Sigue leyendo

Esquezan o euro, Grecia necesita unha nova moeda. Costas Lapavitsas

Chaves_do_mesCando Grecia se incorporou á zona euro en 2001, o ingreso ocorreu sen un debate público adecuado, sen que ninguén explicase que a Unión Monetaria Europea traía consigo un marco institucional severo e unha lóxica ríxida baseada na austeridade e na ideoloxía neoliberal.

Como unión monetaria, a Unión Monetaria Europea xa fracasou. A razón é que Alemaña estivo mantendo custes salariais moi baixos, tendo, polo tanto, enormes excedentes comerciais e converténdose no maior prestamista e no estado máis poderoso de Europa.

Grecia foi devastada polas súas políticas e é só cuestión de tempo que vexamos os seus efectos devastadores nos países grandes do centro da UME, como Francia e Italia. Pero até hai pouco, a ideoloxía “Europa” permitía tapar a dura realidade do que en verdade significaba a UME para as sociedades e as economías europeas. Agora, Grecia destruíu calquera tipo de ilusión en “Europa”. A insistencia do sistema político grego en manter o país nunha unión monetaria fracasada, pasase o que passe, e o que isto implicou para o pobo grego, achégase agora aos límites da traxedia.

O que Grecia precisa neste momento é un plan de saída detallado, elaborado coa axuda dunha ampla gama de economistas. Por suposto, unha nova moeda nacional non é unha variña máxica. Pero permitiría liberar o país da trampa na que se atopa actualmente. Tamén permitiría que o goberno comezase por fin a traballar na reconstrucción produtiva da economía.

Syriza formou un goberno cunha estratexia electoral moi exitosa, pero a súa estratexia derrubouse estrepitosamente no goberno. O acordo que xurdiu o luns non vai resolver os problemas do país e é probable que sexa totalmente inviable. A perspectiva de abandonar a UME volverá a emerxer de novo moi pronto.

 

Orixinal: http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/jul/13/greece-rescue-package-eurozone-grexit-panel-verdict